Thursday 16 de May de 2024

O ciclo TRCDanza ofrecerá este venres e sábado unha dobre oferta de espectáculos no Teatro Rosalía de Castro


A compañía Entremans presenta o día 28 ‘Bionic’, obra que inclúe música en directo. O día 29 será a quenda para ‘Festina lente’, a cargo da compañía VACAburra

O ciclo TRCDanza ofrecerá este venres e sábado unha dobre sesión de espectáculos, coa representación no Teatro Rosalía de Castro das obras ‘Bionic’ e ‘Festina lente’. Ambas as funcións serán ás 20.30 horas.

O venres 28 a compañía Entremans ofrecerá a obra ‘Bionic’, espectáculo de danza contemporánea cun formato longo para sala con música en directo, onde tres artistas recrean un universo común. Un encontro próximo onde o biolóxico e o artificial comparten territorio, sen quebrantar a capacidade humana de sentir. A palabra Bionic induce a pensar na tecnoloxía. É a biónica como ciencia a que adopta e aplica aqueles procesos biolóxicos e o seu funcionamento ao artificial, creando un modelo moi semellante ao da súa orixe.

Usando este concepto, que xa supón un cambio de estado e forma, penétrase no imaxinario tecnolóxico para contar a modo de reflexión unha historia que cuestiona o presente de hoxe e o futuro próximo.

A creación, interpretación e dirección da peza corre a cargo de Armando Martén e Ana Beatriz Pérez.
O día seguinte, sábado 29, será a compañía VACAburra a que presente o espectáculo ‘Festina lente’, un avance constante que busca unha reflexión do momento presente. Nun mundo no que a pantalla coloniza as relacións, a obra pregunta se é posible o encontro, mirar iso que non se ve, cómo deixar xurdir novas realidades.

Clara Ferrao e Andrea Quintana son as intérpretes, dirixidas por Gena Baamonde e a propia Andrea Quintana.

A programación de TRC Danza na 12.ª edición do ciclo

O ciclo TRCDanza alcanza este ano a súa duodécima edición como unha referencia a nivel galego e nacional neste eido cultural. O Concello programará para este ano un total de 13 espectáculos que terán lugar no Teatro Rosalía de Castro. Esta nova edición comezou o pasado sábado con ‘Demente’, da Compañía Fran Sieira. Durante este primeiro mes e a primeira metade do mes de maio haberá un total de oito funcións.

O programa conta coa presenza de importantes compañías e artistas galegos/as, nacionais e tamén internacionais. Haberá dúas estreas absolutas, a primeira o próximo venres 5 de maio, e dúas estreas nacionais. Ademais, dúas das funcións previstas estarán tamén no cartel do Corufest, festival co que colabora TRC Danza, ‘Los Perros’ e ‘Manbuhsona’.

Todas as funcións se representarán ás 20.30 horas e haberá dous prezos: un de 12 euros e outro de 8 euros. Hai tamén a posibilidade de adquirir abonos e bonificacións para diferentes colectivos, como é habitual. As entradas e abonos están á venda en Ataquilla e nos despachos de billetes da praza de Ourense e do propio Teatro Rosalía de Castro. Coa organización do TRC Danza colaboran o circuíto estatal Danza a Escena e Agadic.

Proxecto de mediación cultural.

Desde o ano 2014 o Teatro Rosalía Castro acompaña o seu programa anual de danza TRCDanza cun proxecto innovador de mediación cultural e programación expandida. Este proxecto articula mecanismos de relación entre os/as artistas convidados/as e a cidadanía da Coruña coa intención de xerar un contexto na cidade que poña en valor a danza e as artes do movemento.

A través de diferentes actividades, pensadas en colaboración con distintas comunidades e colectivos da cidade, poderemos coñecer de forma máis profunda os universos artísticos das compañías convidadas así como reforzar os seus vencellos coa nosa cidade. Nesta edición o proxecto de mediación cultual coordínano e xestiónano a coreógrafa, bailarina, mediadora e xestora cultural Kirenia Fernández e a mediadora, xestora e produtora cultural Fany Vázquez.

O calendario da programación prevista é o seguinte:
● ‘Bionic’ (venres 28.04)
● ‘Festina Lente’ (sábado 29.04)
● ‘Onde está o relámpago que vos lamberá as vossas labaredas’ (venres 05.05)
● ‘Transmissions: Conferencia bailada sobre danzas urbanas’ (domingo 07.05)
● ‘Vaivén’ (venres 12.05)
● ‘Manbuhsona’ (sábado 13.05)
● ‘Bocarra (traballo en progreso)’ (venres 08.09)
● ‘Double bill’ (sábado 23.09)
● ‘Hamaïkà’ (mércores 11.10)
● ‘Los inescalables Alpes, buscando a Currito’ (sábado 11.11)
● ‘Acciones sencillas’ (venres 01.12)